Friday 26 de April de 2024

Lousame aproba por unanimidade aumentar o límite dos gastos plurianuais nos expedientes de contratación do Plan de Mellora de Camiños


Lousame celebrou na noite de onte luns unha sesión plenaria extraordinaria e urxente na que se aprobou por unanimidade o incremento dos gastos plurianuais nos expedientes de contratación relativos ao Plan de Mellora de Camiños 2022-2023. Un incremento que vai dos 10.000 aos 56.000 euros.

Segundo explicou a secretaria municipal, a subvención do Agader está configurada en dúas anualidades e, aínda que as obras se poden executar en 6 meses, a financiación está restrinxida a un 23,9% no 2022 e ao 76,1% no 2023. Porén, a Lei de Facendas Locais pon límites a este tipo de gastos plurianuais como que no segundo ano non se pode superar o 70% do crédito, salvo previa autorización do Pleno dun incremento do gasto.

“Temos que aprobar que se poidan pagar os 56.000 euros no 2023 para poder dar continuidade aos expedientes e poder executar os investimentos”, resumiu a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde. A proposta foi aprobada cos votos a favor dos tres grupos municipais (PP, PSOE e BNG) e sen debate.